Unha enquisa dirixida á comunidade científica galega no exterior busca identificar que faría falta para facer posible o seu regreso.
InvestiGal – Rede Galega pola Investigación, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, pon en marcha unha enquisa dirixida á comunidade científica galega que desenvolve a súa carreira fóra, co obxectivo de coñecer que tería que pasar para que volver e quedar fose unha opción real: as condicións laborais, a conciliación, o financiamento ou a vida persoal. “Moitas de nós tamén queremos volver. Esta enquisa busca trasladar á administración, con datos e coa nosa voz, o que necesitaríamos para que iso fose posible ” sinala Zulema Varela Río, investigadora postdoutoral na Universidade de Porto e responsable do proxecto.
Iniciativas como o programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación, que apoia a captación de talento investigador de excelencia internacional, mostran que Galicia está a dar pasos nesta dirección. O proxecto Camiño de Volta (ref. FCT-25-23304), impulsado por InvestiGal e financiado pola FECYT, busca complementar estes esforzos cunha visión participativa e baseada na experiencia directa da diáspora, para elaborar propostas concretas de política científica dirixidas á administración pública.
A enquisa, dispoñible en galego e castelán, estará aberta ata o mes de novembro e pode completarse en aproximadamente 20-25 minutos. O obxectivo é acadar polo menos 200 respostas que permitan elaborar un diagnóstico representativo e sólido.
Os resultados presentaranse nun encontro de dous días en Santiago de Compostela, previsto para febreiro de 2027 na sede do GAIN, no que se traballará xunto ás universidades e asociacións de persoas investigadoras no exterior, como RAICEX e a Marie Curie Alumni Association (MCAA), para deseñar propostas concretas que faciliten o retorno e a retención do talento científico galego. As conclusións plasmaranse nun informe final de recomendacións dirixido ás administracións públicas.
Accede á enquisa en: https://caminodevolta.investi.gal/
